Ir á páxina de novas

A Deputación de Ourense recibe os 2000 composteiros para a nova “Campaña de compostaxe doméstica nos 54 concellos da provincia que teñen delegado o servizo de recollida de RSU na Deputación de Ourense, 2020-2021”

2020-12-04 13:06:00

Campaña cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O obxectivo principal é conseguir valorizar a fracción orgánica, minimizar o vertido final e promover o peche do ciclo dos biorresiduos.

A Deputación de Ourense grazas a axuda económica concedida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Xunta de Galicia) en colaboración co Fondo Europeo de Desenvolvemento rexional (FEDER), acaba de recibir os composteiros que serán peza clave para a posta en marcha da “Campaña de compostaxe doméstica nos 54 concellos da provincia que teñen delegado o servizo de recollida de RSU na Deputación de Ourense, 2020-2021”.

A campaña dirixirase a 2.000 veciños daqueles concellos da provincia de Ourense que teñen a súas competencias delegadas na Deputación, entre os que se atopan: Amoeiro, Avión, Baltar, Bande, Beariz, Os Blancos, Boborás, A Bola, O Bolo, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Coles, Entrimo, A Gudiña, O Irixo, Larouco, Lobeira, Lobios, Maceda, Manzaneda, Montederramo, Muíños, Padrenda, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Petín, A Pobra de Trives, Porqueira, Punxín, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia. A idea, é facer unha primeira visita para formar aos participantes e facilitarlles os medios necesarios para poder facer compós correctamente nos seus fogares, para posteriormente, facerlles varias visitas de seguimento, que permita resolver dúbidas e acompañar aos veciños no seu proceso de aprendizaxe.

Esta iniciativa, realízase en cumprimento dos obxectivos que determina o Plan Xeral de Residuos Municipais de Galicia, e permite dar continuidade as anteriores campañas promovidas pola Deputación de Ourense, dende o ano 2010, no senso da compostaxe doméstica.

De feito, o éxito acadado cos anteriores programas de compostaxe doméstica incentiva seguir facendo este tipo de iniciativas para que os veciños da provincia poidan beneficiarse das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe caseira, pois, a reciclaxe da materia orgánica en orixe, ademais de dar como resultado un abono natural de excelentes propiedades fertilizantes para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo), permite diminuír a frecuencia de recollida do contedor convencional, así como evitar o coste operacional que suporía implantar a recollida dun quinto contedor específico para a fracción orgánica.

Campaña cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).