Quen somos

A partir do ano 2007, no exercicio da competencia de asistencia e cooperación cos municipios que lle atribúe o artigo 36.1.b) da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, a Deputación Provincial de Ourense iniciou unha liña de cooperación cos concellos da provincia en materia de ordenación e xestión dos servizos municipais de recollida de residuos sólidos urbanos.

Esta liña de acción tiña como obxectivo principal a creación dun servizo intermunicipal delegado de recollida de residuos sólidos urbanos, que agrupase ao maior número posible de municipios, a fin de optimizar – tanto no aspecto técnico como no económico – a prestación de dito servizo mínimo obrigatorio no conxunto do territorio.

A fórmula de cooperación consistiu na delegación, a favor da Deputación, do exercicio das competencias municipais de ordenación e xestión do servizo, articulada a través de diversos convenios de cooperación nos que os concellos interesados se integraban agrupados por unidades de xestión, mantendo en todo momento unha cualificada participación dos gobernos municipais na toma das decisións fundamentais.

Complementariamente a esta liña principal de cooperación na xestión integral do servizo de recollida de RSU, a Deputación puxo en marcha unha serie de servizos complementarios, aos que poderían acollerse os concellos que, no exercicio da súa autonomía local, non optasen por delegar na Deputación a xestión integral. Deste xeito, puxéronse en marcha servizos intermunicipais específicos de recollida selectiva monomaterial de envases lixeiros, papel cartón e vidro; de xestión de puntos limpos e de lavado de contedores.

En terceiro lugar, e mediante a captación de fondos europeos ao abeiro de diversos programas de investimento, a Deputación creou servizos propios – de carácter supramunicipal, non intermunicipal – destinados a complementar os servizos municipais. Dunha banda, xa en 2006 creárase un servizo supramunicipal de transferencia de residuos sólidos urbanos, mediante a posta en funcionamento de once plantas de transferencia que, mediante un convenio con SOGAMA, prestan servizo aos 68 concellos situados na súa área de influencia, permitíndolles reducir sensiblemente os custes de transporte de residuos, ao non ter que trasladar estes ás dúas plantas de transferencia de titularidade de SOGAMA existentes na provincia.

O éxito deste conxunto de iniciativas, e a propia experiencia adquirida pola Deputación ao longo deste anos, determinou que a finais de 2012 se producise un salto cualitativo, mediante a aprobación dun convenio marco único de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia para a ordenación e xestión, en réxime de competencia delegada, dun único servizo intermunicipal de recollida de residuos sólidos urbanos, que engloba nunha soa unidade de xestión a todos os municipios adheridos, con solidariedade de ingresos e gastos (coa excepción do solo industrial de San Cibrao das Viñas, que se mantén como unidade de xestión economicamente independente, polas súas peculiaridades) no que constitúe unha completa fusión de facto dos servizos municipais de RSU destes concellos (actualmente, 50 dos 91 aos que está aberto o servizo, cunha poboación atendida de máis de 110.000 habitantes).